martes, 13 de marzo de 2018

Crónica na mesa de Jaritos

Sweet Place         Martes 13 de marzo 2018




Todo desaparece, é cuestión de distraerse, e deixalo pasar...
Deixar de agarrarse á memoria e ós sentidos.
Porse a flote no océano da mente.

O paxariño está no acuario.
A camareira ofrécenos, a min e ós espectros que inda quedamos agardando a que algo aconteza tralo cristal, crendo que detrás del sempre estaremos a salvo,unha ruidosa sinfonía de desgaña, nas cadeiras que arrastra polo chán, nas culleres que lanza dentro das tazas...Na ollada de muller farta a piques de erupcionar á mínima palabra, que non será pola palabra, nunca é polas palabras, é polo que espertan...

Cae o café ó chán.Érguese un vello.Acaso non é un home..?
A muller dille: Non se pode sair da casa.
O home responde: Non se pode ser vello.
A camareira limpa o café do solo, solícita, agora está no chán, na taza baleira no líquido e no trapo e dí en voz alta: Non parece que leve tanto cando está na taza...
Pasou tempo.Pasou algo.Agora sabémolo porque o estamos vendo, témolo diante, en cada enruga,  nos problemas que non se limpan con trapo, a non ser ó redor da cabeza, cubrindo ollos, boca e orellas.

Detrás do cristal cheo de manchas do acuario, o mundo é inventado polos que inda permanecemos do outro lado ollando.

Érgome.E marcho