venres, 2 de marzo de 2018

Unha idea do mundo


Chegar tarde, é o pesadelo.

Chegar tarde a un deserto
de restos dunha festa.
Chegar de adulta á aula abandoada
de cando era pequena.
Chegar tarde mentras está caendo
toda a chuvia do mundo mentras
estou deitada no sofá cuberta
da manta da memoria,escoitando
unha canción de Tom Waits
perseguindo indolente
o bico que nunca beberei
do sabor evocado da túa boca

Chegar tarde é ,ter medo.

Vella nena

Volto ó lugar da primeira vez.
Todo cambiou.
Soa unha canción en inglés,
sei que é unha boa canción
inda que non entenda a letra.
Así como sei que debaixo
do todo que cambiou está
a permanencia
indisimulábel da tristeza.
Segue a ser un bo lugar
para disfrazar carencias.

Como paxariños coas bocas abertas
nun niño sen a nai
aquí non se para. De comer
de beber, e de falar.De falar
Alimentados de alienamento
esquecerán os paxariños voar
e o niño revestirase de baldosas
fabricadas en serie " sírvase vostede".
Tratando de evocar torpemente
eses chans, escearios dos días de gloria
que por completo se descoñecen.
Ningunha gloria foi doutra cor
que non fose dun " rojo intenso ".
Do mesmo rojo que nos corre
por dentro.

Este lugar está paralizado.
Sen expresión facial
Trata de disimular
o paso do tempo
sendo un máis, do mesmo.
Pero a min gústame igual
Non me decepcionou voltar
ó lugar da primeira vez.
Porque aquí está, puiden vela
non máis entrar
A miña sombra doutrora sentada
carón do cristal.

Protexida do tempo e do mundo
escribía sobre o rojo intenso sen sabelo.
Só quería o mesmo que sigo querendo
Sen sabelo.

Balas de azucre para o pensamento.
Este é un bo lugar para os solitarios.
Aquí a única lei é permanecer.Resistir
Do engano encárgase o paso dos días
as modas e as mentiras
que nos contamos a nós mesmos.

Ó lugar da primeira vez...
Convén que volte
de vez en cando...
Poida que algún día non esté
A miña sombra por min
Esperando







Aquí e Agora

Marta