xoves, 28 de setembro de 2017

A bolsa ou a vida.

Entrei na tenda que tanto merodeaba.Tanto como ti por diante da miña casa.Pero non sabes onde vivo, esa é a graza.Entrei,decidida, iso pode ser preocupante nunha indecisa coma min.
Baixei as escaleiras, sempre hai que baixar para atopala tentación ou a salvación, o que se prefira por para a ocasión.
Aquel escaparate levaba demasiado tempo chamándome.Empregando a perfecta linguaxe da seducción, con símbolos claros e ben perfilados en teas, patronaxe...
Pequeno, sen lugar a distraccións de tipo decorativo.Contundente : " Ti eres distinta".Decía.

Non sei por qué entrei hoxe.Sei que me tarda a transformación, e quixen adiantala  véndome dentro daquelas teas con transparencias e brillos e un cinto con dous paxaros dourados.
Estiven a piques de mercalo.
Tardei...Merodeei ó meu redor, mentras me miraba con cara de susto por se decidía levalo.Aquel vestido representaba un lugar fóra do mundo.A ilusión.
Na tenda chegou a noite e deixou de ser tenda para ser restaurante e deixou de ser restaurante para ser sala de concerto e deixou de ser sala de concerto para ser un desconcerto máis.
Auxilieime con " mañá mellor"..." voltarei a probalo mañá co calzado axeitado", necesitaba sair canto antes do lugar da tentación.Pero canta máis é a desesperación máis se incrementa a fame, a fame de consumir un pouco máis de evasión.
Tras do vestido probei unha gabardina de estampado de camuflaxe con rosas...
Logo un abrigo azul marino...
Puxera o que puxera quería virse comigo, todo me decía : " Ti eres distinta "